20/06/11

Preguntamos a Xavier Ríos

En 6º estamos empezando a despedirnos do colexio e como tiñamos unha actividade pendente de presentarvos, aquí vai.
            A visita ao taller do artista moañés Xavier Ríos axudounos a coñecer a súa obra e tamén, nos deu a posibilidade de coñecelo a el un pouco. Como non queriamos abusar moito da súa amabilidade e do seu tempo, deixámoslle un cuestionario que preparáramos entre todos e el envióunolo contestado a través do correo electrónico.

 BATERÍA DE PREGUNTAS A XAVIER RÍOS

A través da Internet poidemos ver algunhas das túas obras e hai cousas que nos chaman a atención e quixeramos saber. Por exemplo:
1-  O teu nome escríbese con v ou con b?
     Eu escribo con V pero creo que a normativa acepta as dúas.

2-  Existía a área de Plástica cando estudabas?
     Si , pero eran traballos manuais e debuxo.

3- Lembras cales eran na túa infancia as cousas que che gustaba pintar?
    Sobre todo moito debuxo a boli e lapis de cores ( animais e paisaxes),é o
que máis lembro.

4- Cantos anos levas pintando?
    A nivel máis profesional uns 25 anos.

5- Que é o que che inspira para traballar? 
    A memoria os recordos , os obxectos, os materiais, ...

6- Foi fácil empezar a expoñer?
    É coma calquer profesión, tés que ir pouco a pouco e solicitando os espazos máis    adecuados ao teu estilo.

7- Podes vivir do oficio de pintor e escultor?
Si se pode, pero é moi difícil.

8- Hai algún artista que che servira de guía de aprendizaxe?
Eu non teño un só artista , toda a historia da arte  dende o clásico ao moderno me interesa, creo que é a mellor aprendizaxe.

9- Como te sentes cando estás preparando un cadro ou unha escultura?
    Pásase por diferentes estados, dende a ilusión do principio ( a idea, os bocetos), o proceso, os cambios, as dúbidas , ata a satisfacción  do remate.

10- Algunha vez quixeches tirar algún cadro pola ventá?
Non, destruílo e cambialo, si.

11- Na información que lemos na Internet fálase moito da túa relación artística con outro pintor moañés, Lito Portela, é fácil traballar nunha obra entre dous?
Si, porque contrastas ideas e aportas experiencias .

12- Na túa obra hai tanto pintura como escultura, traballas as dúas ao mesmo tempo ou por etapas?
Están sempre relacionadas, unhas saen das outras.

13- Cando traballas, que tipos de materiais son os que utilizas?
Dende a fraxilidade do papel ou a cera ao brillo do metal ou a dureza da pedra.

14- Con que materiais traballas máis a gusto?
      Utilizo os materiais segundo a idea que traballe nese momento.

15- De ónde ven o teu interese pola papirofléxia como elemento de traballo artístico?
Eu utilizo no meu traballo as formas xeométricas  e a papiroflexia remite a elas.

16- Por que che gusta tanto a xeometría?
É unha forma de sintetizar as ideas, iso vai un pouco no carácter de cada persoa.

17- Que che gusta máis, a pintura ou a escultura?
       Gústanme as dúas.

18- Gustaríamos saber en que consiste a técnica mixta.
 A técnica mixta consiste na utilización de varios materias e técnicas na mesma obra.

19- A elección dos nomes para titular unha obra, como xurden( Pé, Refuxios, … )?
Os títulos son moi difíciles, pero eu escólloos segundo o tema que traballe en cada momento; normalmente fago series, un titulo para todas as obras.

20- Hai unha escultura que nos ten intrigados( nós chamámoslle Banco ) por un dos materiais que utilizaches, como fixeches para colocar os cristais?
      A escultura chámase Borrón e…  son borradores da escola pero dimensionados; os cristais están selados con silicona.

21- Percorrendo imaxes de obras túas vemos que cambias moito de temas e de estilos, é por evolución ou porque non che gusta dedicarte moito tempo ao mesmo motivo?
E por pura evolución da obra e o tempo.

22- Segues sentindo o mar como fondo de inspiración?
O vivir ao seu lado é unha inspiración constante.

23- No concello de Moaña hai expostas obras túas?
Si, O Avión, que está na rotonda do Rosal e un cadro nun despacho da casa do concello.

24- En que outros lugares?
 O Barco en Aldán , Bancos no paseo de Cangas e cadros na casa do concello e no Auditorio de Cangas

25- Tés predilección por un cadro teu en concreto? E por unha escultura?
Non todos teñen a sua importancia.

26-Como se chama a túa última obra?
Refuxios; é unha reflexión sobre as cabanas de árbores que se facían na infancia como xogo e como lugar para o escondite.

27- Que che gusta facer nos teus ratos libres?
Escoitar música, ler, nadar e andar…
Só nos queda darlle de novo as grazas por atendernos tan ben .
Saúdos e ata outra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa aquí o teu comentario